Friday 03 de May de 2024

O PSOE de Tordoia lamenta que o alcalde rexeite bonificar cun 95% o Imposto de Bens Inmobles


Carlos García cuestiona que o PP estea utilizando o IBI “cun único fin recaudatorio para sanear unhas contas que están desorbitadas”

O PSOE de Tordoia lamenta que o Grupo de Goberno do Partido Popular rexeitara en pleno establecer unha bonificación dun 95% no Imposto de Bens Inmobles (IBI) para as edificacións de Tordoia nas que se desenvolven actividades agrarias e gandeiras. O voceiro municipal socialista, Carlos García, considera que “a actitude do señor Pereiro, que nos pediu tempo para estudiar a proposta, demostra o que vimos denunciando dende o PSOE de Tordoia: que un imposto cun único afán recadatorio para tratar de sanear as contas do Concello, que están desorbitadas”.

Os socialistas de Tordoia critican que o alcalde pretenda deixar esa bonificación no 50% pois “coa que está caendo no sector primario só falta que veñan gravar os alpendres”, cuestión que contrapuxo coa aprobación nesta mesma sesión plenaria do Padrón do Lixo 2016. “Por unha banda anuncia que a recadación cae en 11.000 euros e por outra anuncia unha baixada de catro euros por veciño, como pensa cubrir este desfase? Ou é que o señor Pereiro xa o ten calculado e vai cadrar as contas co catastrazo?”, se pregunta Carlos García.

Neste sentido, o voceiro municipal socialista lamenta que o alcalde “siga intentando enganar aos veciños dicíndolles en setembro que lles baixaron os impostos en 15 euros e logo chega xaneiro e llos suben unha media de 180 euros”. Boa proba disto é a liquidación dos Orzamentos de 2015, da que se deu conta no pleno, e que “son máis do mesmo: a débeda non deixa de medrar e, por riba, cada vez con menos servizos para a veciñanza”.

Xuíz a dedo

Os socialistas lamentaron a falta de transparencia na elección do xuíz de Paz substituto. “Nos tempos que corren, como mínimo deberíase ter informado a todos os veciños da dispoñibilidade desta praza, para que se apuntasen os que quixeran, e non elixir a dedo a un familiar do alcalde”, denuncia Carlos García.

Por último, o PSOE de Tordoia lamentou que a solicitude á Deputación dun arranxo da estrada a Santiago “quede moi ben sobre o papel pero non sirva para nada, porque o que fai falla para ese arranxo son 2,5 millóns de euros e a implicación dos Concellos de Trazo e de Santiago, e non presentar documentos sen rigor algún”. Así mesmo, volveron solicitar en pleno o ensanchamento da estrada a Gorgullos (CP-5902).